Proxecto Participa!

A nosa primeira liña de traballo chámase ‘Participa!’. Trátase dun proxecto que ofrece accións sociais ou ambientais de maneira atractiva e variada que conten sempre con 4 características básicas:

  • PUNTUAIS: polo que cada actividade é independente do resto. O teu compromiso con Simbiose remata cando a acción finaliza, aínda que sempre poderás volver se así o desexas.
  • COLECTIVAS: un mínimo de 3 persoas participantes, polo que nunca estarás só/a. Incluso a gran maioría se poden realizar en familia ou con amigos/as.
  • CURTAS: duran entre 1 e 4 horas.
  • ACCESIBLES: non existen requisitos nin é necesaria formación previa para a súa realización, están deseñadas para que todo o mundo as poida levar a cabo.

Trátase dun formato innovador no territorio, corresponsable, inspirado noutras redes similares xa existentes noutros países como Empower Nantes, Hands On Amsterdam, etc.; que se interesa principalmente pola participación cidadá e xuvenil. E, sobre todo, crear alternativas que sexan complementarias aos modelos de voluntariado convencionais.

 

A través desta forma de voluntariado, preténdese fomentar novas experiencias de aprendizaxe comunitaria e de exercicio da participación nun contexto local, creando lazos entre a poboación civil e as distintas entidades sociais e/ou ambientais da nosa cidade.