Preciso habilidades especiais ou coñecementos específicos para as actividades?
Non. Un dos obxectivos principais de Simbiose é que calquera persoa poida participar nas nosas accións, por iso se caracterizan por ser accesibles. Para participar só precisan motivación e gañas de experiencias novas!
Aínda así, asegúrate de ler ben a descrición da á que queres adherirte, pode que algunhas accións non sexan as axeitadas para a situación na que te atopas neste intre (por exemplo, unha torcedura pode dificultar a recollida de lixo nunha praia).
A que idade podo comezar a participar nas accións?
En Simbiose, as accións están abertas a calquera idade. Sen embargo, sendo menor de 16 anos, debes estar acompañado/a do teu pai, da túa nai ou titor/a legal. Se tes entre 16 e 18 anos, podes vir só ou soa ás nosas accións, pero precisamos o permiso do teu pai, da túa nai ou titor/a legal na primeira acción.
Teño entre 16 e 18 anos, onde podo conseguir o permiso para que asinen o meu pai, a miña nai ou titor/a legal?
Neste enlace poderás descargar o documento que deben asinar. Ademais, cando recibas o correo de confirmación de inscrición na actividade, tamén irá adxunto o documento. No caso de que dispoñan de sinatura dixital poderás enviarnos o permiso a participacion@asociacionsimbiose.org; no caso de que non dispoñan dela poderás traer o permiso asinado o mesmo día da acción (Ollo!, só aceptamos orixinais, non copias).
Teño que cancelar a miña participación nunha acción! Que podo facer?
Se non podes asistir, podes cancelar a túa participación enviando un correo electrónico a participacion@asociacionsimbiose.org. É moi importante que o fagas para que outra persoa teña a oportunidade de inscribirse no teu lugar. No caso de que a cancelación se faga no mesmo día, lembra poñerte en contacto coa persoa de referencia designada por Simbiose para a actividade.
Inscribinme pero non me chegou ningún correo electrónico de confirmación. Que fago?
Pode que teña fallado a conexión a Internet, polo que te recomendamos volver a inscribirte, ou ben que sexa erro do noso servidor. Nese caso, por favor envíanos un correo electrónico a participacion@asociacionsimbiose.org e tentaremos solucionar o teu caso o antes posible.
Encántame a idea de participar pero prefiro ir cun amigo ou cunha amiga. Hai algún problema?
Por suposto que non hai ningún problema, en Simbiose estamos felices de que asistas acompañado/a por compañeiros/as de estudos ou de traballo, amizades, familiares… Cantas máis persoas mellor! Pero para que exista unha orde e un control deben inscribirse na actividade, igual ca ti. Como sabes, hai determinadas accións que teñen un límite de prazas para maior comodidade do grupo e da entidade que nos acolle, polo que é imprescindible inscribirse.
Somos un grupo numeroso e gustaríanos participar nunha mesma acción todos/as xuntos/as. Existe esa posibilidade?
Se pertencedes a algunha entidade ou empresa non dubidedes en poñervos en contacto con nós para xestionar a vosa participación a través da institución á que pertencedes [organizacions@asociacionsimbiose.org].
En caso de formar parte dun grupo informal, como pode ser un grupo de amizades, contactádenos tamén para xestionar a vosa participación a través do correo participacion@asociacionsimbiose.org.
Teño unha idea de acción, aínda que non estou moi seguro/a de se encaixa. Podo enviala?
Por suposto! Toda nova acción é benvida en Simbiose! Queremos fomentar a participación local e crear constantemente novos vínculos entre poboación e entidades, polo que novas propostas son sempre acollidas con moito amor. Envíanos todas as túas propostas a través da nosa caixa de participación ou enviando un correo electrónico a participacion@asociacionsimbiose.org.